O club que dirixe Enrique Salgueiro comezará o ano nas illas Baleares, onde esperan facer “un bo papel e ser competitivos”. A formación de categoría Continental, con base en Redondela, ten esta temporada licencia de Venezuela, unha mostra máis da “globalización” deste deporte.
Salgueiro amósase moi satisfeito coa situación actual do club, e afronta o novo ano “como un reto e unha gran oportunidade para seguir traballando a bo nivel”. Para o técnico redondelán manter un equipo profesional “é todo un privilexio e unha oportunidade para os corredores galegos” xa que non existe outro equipo destas características na comunidade. O club redondelán, que conta cunha escola de ciclismo e un equipo sub23, completa así a súa oferta. Comezan o ano coa Challenge de Mallorca, que se compón de catro trofeos desde o xoves 30 de xaneiro até o domingo 2 de febreiro. Será a primeira proba da campaña en España para o equipo e nela xa compartirá un pelotón con equipos World Tour: Movistar Team, Bora Hansgrohe, Lotto Soudal, Trek-Segafredo e Israel Cycling Academy. Unha competición de alto nivel na que os ciclistas de Enrique Salgueiro tentarán mostrar a súa camisola “o máximo posible” entre as primeiras posicións. O equipo está encabezado por Jose Manuel Gutiérrez “Gallu”, o máis experimentado do grupo, que xunto con David Galarreta e Fernando Lópes completan os corredores que seguen un ano máis no equipo. Súmanse Miguel A. Fernández e o vigués Xoel Días. Outra das novas incorporacións é o santiagués Alejandro Regueiro, de 22 anos, con experiencia internacional. Desde Venezuela chegan novas promesas, o Campión Nacional Jesús Villegas, de 22 anos, Franklin Chacón e Yurgen Ramírez, de 21 anos. Outro internacional é Andreas Miltiadis, Chipriota, dobre Campión Nacional en 2019.