A programacion cultural do Concello de Redondela achega este venres ao auditorio da Xunqueira ao grupo Píscore, co espectáculo familiar “Concerto con Fusión”. Música, teatro e humor mistúranse nesta cita con catro músicos que “xogan” cos instrumentos para facer partícipe ao público dun conceto moi especial.
Desde a súa formación, en 2016, o cuarteto Píscore ten posto en escea os seus espectáculos Concerto Singular, Concerto (non tan) Singular, e agora o seu Concerto ConFusión. Un xogo de palabras, como explica Félix Rodríguez, nos que o grupo fusiona diferentes estilos, xoga cos instrumentos e ofrece máis dunha hora de espectáculo no que misturan a música co teatro e o humor. Trátase dun espectáculo para toda a familia, onde o público de todas as idades é partícipe do concerto e os adultos “poden sacar o neno que levan dentro”. O grupo Píscore está formado ademais por Pepe Varela, Diego Rosal e Pablo Cabanelas. Os catro músicos galegos, formados cos mellores mestres galegos e internacionais, actuarán no auditorio da Xunqueira, este venres, ás18.30 horas, con entrada de balde.