O día 6 de xaneiro volveu ser unha xornada de vida na rúa grazas á coincidencia en Redondela de dúas citas obrigadas: a primeira feira do ano e as actuacións das rondallas e ranchos de reis que desfilan polo centro da vila amenizando a mañá coas súas músicas.
Nesta ocasión desfilaron polo noso concello un total de seis formación: a asociación Bando de Reis Airiños da Peneda do Viso, a rondalla Santiago de Parada, a do Club Santiaguiño de Guizán, a rondalla do centro social cultural e recreativo de Beade,a asociación cultural de Pontellas e do círculo cultural Santa Eulalia de Mos.
O bo tempo animou a centos de persoas a achegarse durante a mañá de onte o centro da vila a gozar dun luns festivo animado pola música e polas compras, nalgúns casos de última hora, que se podían facer nos postos da feira, unha das máis numerosas de todo o ano. O tráfico permaneceu pechado no casco urbano para permitir ás rondallas desfilar polas rúas do centro así como aos milleiros de veciños gozar da súa música.