A parroquia de Nespereira en Pazos de Borbén celebra a V ruta nocturna do terror na que os organizadores confían en volver contar coa participación de 300 persoas. Unha actividade que adoitan organizar en torno ao Samaín pero que este ano tiveron que pospoñer ata en tres ocasión polo mal tempo. Cruzan os dedos para que este sábado a situación meteorolóxica mellore e a proba, que arrancará ás 20:30 horas, poida realizarse sen incidencias. Os interesados poden inscribirse no teléfono 607 853 578.
Grandes e pequenos están inscritos a esta actividade que arrancará nos montes de Nespereira ás 20:30 horas do sábado. Será noite pechada coando os participantes deberán enfrontarse a unha ruta de tres quilómetros na que o medo está garantido: meigas, santa compaña e outros espectáculos irán aparecéndolle aos intrépidos participantes ao longo do percorrido ao tempo que deberán superar diferentes probas. Unha actividade organizada por Alecrín Aventura e a Asociación Cultural Nespereira que ten o prazo de inscrición aberto ata este venres, a un prezo de 3 euros socios e 5 euros non socios e que confía en repetir o éxito das edicións anteriores, nas que participaron ao redor de 300 persoas veciños da parroquia, pero tamén moitos doutras localidades “temos moitos participantes que veñen de Vigo ou doutros concellos , a difusión a través das redes sociais facilita que a proposta chegue cada vez a máis xente”.