A formación política denuncia que as carencia que padecen os usuarios continúan a ser notables malia tratarse dun centro inaugurado hai apenas un mes. Falan de escaseza de persoal e falta de material ao que se lle suman as baixas e as vacacións dos profesionais que non son cubertas pola Consellería de Sanidade.
Critican dende o Bloque que o centro abrira as súas portas con prestacións insuficientes para a poboación que debe atender. Así prodúcense deficiencias e atrasos na atención, xa que os profesionais vense na obriga de asumir as consultas do persoal que falta, incrementando o seu volume de traballo xa de por si alto, ou simplemente eliminando a atención sanitaria durante ese período. Isto provoca a necesidade de realizar axustes nas axendas cos conseguintes trastornos para os pacientes, que mesmo se ven obrigados a acudir ao centro de saúde en horarios que non son os seus habituais ou a facelo en máis de un día.
Neste sentido salientan que é especialmente nefasta a situación da atención pediátrica “o feito de que haxa só unha consulta de pediatría parcial que atende soamente martes e xoves de mañá, obriga a moitas familias a desprazarse a outros centros da área”. Por todo isto o responsábel local, Xurxo P. Besadío denuncia que “non serve de nada ter un centro de saúde renovado se non se pode dar un servizo continuado e de calidade as veciñas e veciños de Pazos de Borbén, é necesario dotar o centro de máis medios humanos”. Por este motivo, a deputada do BNG Montse Prado denunciará no Parlamento a política do Partido Popular de deterioro da sanidade pública, o que provoca esta situación.