A falta de aloxamentos, máis aló dos albergues, fai difícil incrementar o número de pernoctaciones na vila, polo que dende a Concellería de Turismo marcan como obxectivo a curto prazo aumentar as visitas diurnas de aqueles turistas que están aloxados en concellos próximos. A máis longo prazo entenden necesario incrementar o número de hospedaxes que ofrezan aloxamentos que se adapten ás demandas doutros públicos, máis aló dos peregrinos.
O concello de Redondela estivo presente nesta edición de FITUR a onde se desprazaron tanto a alcaldesa Digna Rivas como o concelleiro de Turismo, Daniel Boullosa. Participaron na presentación do proxecto Xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño, que engloba un total de 14 concellos baixo o título “Benvidos ao primeiro Reino Medieval de Europa” e que busca converter toda a comarca nun referente no campo patrimonial a través da pedra, promocionando os seus elementos monumentais así como o seu patrimonio arqueolóxico, cultural e natural. Neste sentido explica o edil de Turismo que o obxectivo a curto prazo sería lograr incrementar o número de visitantes que se achegan ao noso concello malia que pernocten en Vigo, Baiona ou San Xenxo “queremos que se acheguen a Redondela e para iso é necesario dar a coñecer os nosos atractivos máis aló da Festa do Choco ou a Coca, un turismo que veña coñecer a nosa riqueza patrimonial”. Ademais das presentacións públicas houbo contactos co touroperadores cos que se abordou precisamente como publicitar os nosos atractivos turísticos entre os potenciais visitantes. Púxose o acento nas novas tecnoloxías e estudan a posibilidade de asinar algún contrato con “bloqueiros” que teñan unha importante presenza nas redes sociais “o que nos permitiría achegar as nosas bonanzas turísticas a milleiros de persoas”. Boullosa anuncia a maiores unha reunión cos propietarios de albergues en Redondela, cuxo número pasou nun período moi breve de tan só 2 a 15, para tentar cubrir unha das grandes carencias do concello: a falta de aloxamentos que ofrezan as comidades que demandan outro tipo de turistas que non sexan os peregrinos ou os mochileiros. De feito, sabe que este tipo de hospedaxe podería ser máis lucrativo tendo en conta que agora pechan nos meses de inverno “algúns este Nadal xa decidiron abrir ante a gran demanda de grupos que querían visitar as luces de Vigo e non tiñan onde aloxarse na cidade”.