O sábado é a xornada elixida pola Asemblea Feminista de Redondela para conmemorar o seu segundo aniversario. Un programa de actividades que vai da mañá á noite e que inclúe un pregón feminista ás 12:30 horas, un xantar popular, xogos e música. Todo o día 1 de febreiro na rúa Pai Crespo.
Festexar o feminismo é tamén un dos obxectivos deste colectivo de marcado carácter reivindicativo que nacía dous anos atrás. Neste tempo teñen realizado numerosas actividades, sendo as máis visibles as que xiran en torno ao 8 de marzo, pero que inclúen tamén o premio Ernestina Otero celebrado por primeira vez o pasado mes de novembro e que recoñeceu a título póstumo a figura de Marga Maderal Cal, premio na modalidade individual e á SAR, premio na modalidade colectiva polas equipas femininas. Charlas, obradoiros ou mobilizacións contra a violencia machista son tamén outras das actividades que teñen protagonizado estes dous anos de viga que agora queren celebrar cunha xornada festiva.
Arrancará o programa unha sesión vermú ás 12.30 horas que inclúe un pregón feminista. Dúas hroas despois terá lugar o xantar e as 16:30 realizaranse dous xogos baixo o nome bingo feminista e furor machirulo.
De cara a noite chega a música cos grupos Yimiyourek Set de Vigo e as mozas de Flow de Toxo de Ponteareas, que actuarán ás 21:00 horas. Pechará a xornada unha sesión dj.