A alcaldesa redondelá, Digna Rivas, e a concelleira de Servizos Sociais, Marta Alonso, comprobaron “a boa marcha” das obras no novo edificio na rúa 8 de Marzo, que permitirá ofrecer aos veciños “un servizo de calidade nun espazo digno e accesible”.
Rivas e Alonso visitaron onte as obras de acondicionamento do que serán as novas instalacións de Servizos Sociais, na rúa 8 de Marzo. A alcaldesa fixo especial fincapé no feito de que estes traballos van permtir cambiar unhas instalacións “pouco axeitadas, compartidas e con barreiras arquitectónicas” na rúa Isidoro Queimaliños, por outras “totalmente accesibles” nas que o funcionariado poderá desenvolver o seu traballado “nun entorno cómodo”. Ademais as novas dependencias ofrecen aos usuarios “a privacidade que un servizo destas características precisa”. O proxecto para o traslado destas dependencias, contaba co informe favorable dos servizos técnicos do Concello dende xuño de 2018. Digna Rivas lamentou que o anterior goberno local do PP “non priorizara a súa tramitación”, ao sinalar que e á chegada do novo executivo local, en xuño de 2019, o expediente “levaba paralizado máis dun ano”. Rivas e Alonso amosaron a súa satisfacción por ter conseguido no curto prazo de tres meses, “rematar o expediente de contratación” o que permite realizar o traballo de acondicionamento do inmoble, tanto interior como exterior, que conta cunha superficie de 350 metros cadrados. A boa marcha das obras permitirá que “ao longo do vindeiro mes de abril estas instalacións poidan estar plenamente operativas e ao servizo da veciñanza”, segundo apunta Marta Alonso.