As apostas non son un xogo de nenos, iso sábeno ben os veciños de Redondela que ven con preocupación a posible apertura dunha casa de apostas na rúa Ernestina Otero. Tamén se amosan alarmados polo aumento do xogo “on-line” a través dos móbiles, ao que acceden cada vez máis rapaces. Avogan por un maior control por parte dos pais e tamén dos resposables destes negocios, para que eviten o acceso dos menores de idade ás apostas.
Cada vez hai máis e cada vez están máis preto dos centros escolares. A proliferación dos locais de apostas e, sobre todo, de máquinas para apostar nos bares, nas localidades galegas é un feito. A presenza de menores de idade neles, tamén. Por iso en Redondela creouse a Coordinadora contra a Casa de Apostas, que rexeita a apertura do establecemento na contorna dos colexios e institutos. Veciños como Álex e Fina, advirten que sería un “foco de atracción” para os adolescentes. Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela advirte que un de cada catro rapaces de entre 12 e 17 de anos apostou algunha vez. Moitos fano de xeito presencial, outros moitos a través de internet. Por iso pais como Miguel advirten que a apertura das casas de apostas “non é o único problema”, xa que os adolescentes teñen as apostas “ao alcane da súa súa man a través do móbil”. O estudo da USC fixo unha estimación da adicción ao xogo, e deduce que un 2,2 % do total dos adolescentes poderían estar a ter xa problemas co xogo, con alta probabilidade de desenvolver un trastorno de xogo no futuro. A ludopatía é un grave problema social, como apunta María José, que aínda máis preocupante nos menores de idade “porque son máis vulnerables”. No estudo os mozos sinalan que no 80 % dos casos non se lles pide o DNI nos locais de apostas. Tampouco nas máquinas dos bares, que agora son a principal vía de entrada: tres de cada catro xogadores apostan desa maneira. Por iso veciños como Sonia esixen un maior “control” tanto por parte dos pais como dos propietarios destes negocios “para evitar que os menores de idade teñan acceso ás apostas”, tal como establece a lei. Límites na publicidade Para tentar reducir a incidencia das apostas na mocidade, o Ministerio de Consumo anunciou recentemente que quere limitar a publicidade do xogo “on-line”. A proposta é que só poida emitirse de madrugada, entre a 1.00 e as 5.00. Unha medida necesaria, segundo moitos veciños, aínda que a maioría preferirían “prohibila por completo”, como apunta Fina. Desde o ministerio que dirixe Alberto Garzón xa anunciaron que comezarán unha rolda de contactos cos axentes do sector implicados, co obxectivo de abrir un diálogo e lograr un amplo consenso ao redor desta materia.