A alcaldesa sae o paso ante as declaracións do PP nas que instaban o goberno local a defender os intereses dos vecinos no caso de que o alcalde vigués decida presentar recurso contra a sentenza que elimina o requisito de empadroamento para acceder á tarxeta Pass Vigo. Asegura Digna Rivas que como alcaldesa de Redondela “ao contrario que o meu antecesor no cargo que so facía o que lle mandaban dende Santiago, eu non teño máis prioridade que a defensa dos intereses das miñas veciñas e vecinos fronte a quen sexa e en calquera circunstancia”.
A rexedora redondelá cualificou de “chiste” que o Partido Popular diga que “fará executar a sentenza do PassVigo cando o certo é que a sentenza se está executando xa de xeito automático dende que foron aceptadas as medidas cautelares”. En todo caso, sorpréndelle a alcaldesa que o PP “poida facer semellante reflexión sobre a sentenza que deixa claramente demostrado que o único que busca non é o beneficio da veciñanza senón a rendibilidade política”.
Rivas lembrou que a súa chegada ao Goberno local, o Concello tiña varios procesos xudiciais abertos iniciados polo anterior alcalde e lamenta que o se antecesor nunca optara pola vía do diálogo para resolver un tema importante para a veciñanza como a tarxeta de transporte. “Bas nunca intentou buscar unha solución co alcalde de Vigo e optou directamente pola vía do enfrontamento seguindo as liñas que lle marcaban dende Santiago”.
O Concello, engadiu Rivas, ten abertos tres procesos xudiciais iniciados polo anterior goberno “e en ningún momento manifesteime sobre eles por unha simple cuestión de respecto institucional, respecto aos veciños e veciñas, e respecto ás decisións das xuízas e xuíces”.
Neste sentido lembra que hai dúas semanas o Concello de Redondela perdeu un proceso xudicial que mantiña contra a Deputación de Pontevedra a raíz do Plan DepoRemse. “Un tema no que o meu antecesor sabía, perfectamente, que a Deputación actuara conforme á lei e, non obstante, iniciou este proceso cunha clara intencionalidade política e seguindo ordes”, engade Digna Rivas quen matiza que “deixei que o proceso seguira o seu curso porque son os xuíces e xuízas os que teñen que decidir e os políticos temos que dar exemplo e ser os máis respectuosos coa independencia xudicial”.
Non dubida a alcaldesa de Redondela que todo isto responde “a unha campaña de descualificación ante o inicio dunha cita electoral” unha táctica na que, afirma, “non vou entrar.