A directiva do centro enviou unha notificación ás familias informando da detección dun caso de parotidite ou papeiras entre o alumnado do instituto. Explican que se trata dun único caso, mais solicitan ás familias que estean vixiantes ante a aparición de posibles síntomas entre os seus fillos, dado que o período de incubación dáse entre os 12 e os 25 días.
As papeiras son unha enfermidade contaxiosa que provoca inflamación ns glándulas salivares con febre e dor, polo que alertas as familias a estaren atentos antes a aparición de posibles síntomas como dor de gorxa, dor de cabeza, cansazo, perda do apetito e, o que é máis característico, a inchazón das fazulas e a mandíbula que se debe á inflamación das glándulas salivares (parotidite), que poden ser dolorosas ao tacto.
Algunhas persoas teñen síntomas moi leves ou non teñen ningún, e a miúdo non saben que teñen a enfermidade. A maioría das persoas enfermas recupéranse completamente nunhas poucas semanas. Con todo, ás veces, poden haber complicacións, especialmente nos adultos. Dende o Sergas lembran que na actualidade en Galicia está a aumentar o número de casos de parotidite e neste contexto recoméndase que as persoas con parotidite non asistan a clase ou ao traballo, nin a reunións de ningún tipo; e, sobre todo, non deberían ter contacto con embarazadas, nenos menores de 12 meses ou inmunodeprimidos, nos 5 días seguintes ao comezo dos síntomas.