A Comunidade de Montes está a desenvolver un programa de erradicación desta especie invasora nos seus terreos empregando como método o secado. Un sistema lento pero eficaz que evita danar a biodiversidade da zona e os mananciais con químicos e pesticidas. O obxectivo preservar as marxes do río Barragán, un espazo de máis de cen hectáreas de bosque autóctono.
Pelar dende a base até un metro de altitude o tronco da acacia é o método que están a empregar na Comunidade de Montes de Moscoso, en Pazos de Borbén, para erradicar esta especie que se atopa dentro do Catálogo de Especies Exóticas Invasoras de España e que se caracteriza pola súa rápida propagación e agresividade. A súa expansión causa un grave impacto no chan xa que reduce a cantidade de luz que chega ao sotobosque, diminúe a cantidade de auga no chan, altera os nutrientes, acidifica o solo e diminúe a diversidade de especies autóctonas. Pero erradicala non é sinxelo xa que ao cortala volve rebrotar e por iso estanse a empregar métodos alternativos como o pelado, que xa se probou con éxito noutros lugares como Portugal e en montes das Illas Cíes ou a Guía aínda que o proceso é lento e precísase preto dun ano para que esta especie, que chegaba no século XIX como planta ornamental desde Australia, seque totalmente. En Moscoso, o primeiro foco a atallar foi unha superficie de 30 hectáreas nas marxes do río Barragán e de aí cara ao interior do monte comunal. A prioridade, explica o presidente da Comunidade, Álvaro Leiro, é eliminar a acacia da canle do río para que este non serva como propagador das sementes e logo continuar co traballo cara ao interior. Unha Comunidade que tamén está a traballar na recuperación dos camiños e corredoiras, moitos intransitables pola maleza e polo desprendemento das pedras e o abandono. No último ano recuperaron 20 quilómetros desta rede de camiños. Importantes non só polo seu valor etnográfico e para o lecer senón para pórlle freo á propagación do lume en caso de incendios. Leiro insta a particulares e comunidades de montes a seguir o exemplo xa que de nada serve ter un monte coidado e limpo se as lapas chegan das zonas limítrofes. Lembra como en 2017 cen hectáreas de monte comunal víronse arrasadas por este motivo.