A comparsa “Os Festeiros polo Aire” da Asociación de Bembrive fíxose co primeiro premio nun dos desfiles de comparsas máis longos dos últimos anos cun total de 26 grupos participantes. Impúxose en segundo lugar a Asociación Os da Casa e acadou o terceiro premio a comparsa Aladdín, da Asociación Cultural Luces de Tomiño. Hoxe haberá obradoiros infantís na Alameda a partir das cinco e mañá, se o tempo o permite, será a quenda para a Queima do Meco.
O bo tempo animou a centos de persoas a congregarse no centro da vila para gozar do entroido e achegarse a un dos desfiles máis longos dos últimos anos ao contar coa participación de 26 comparsas.
A xornada arrancou con animación e baile, coa organización dun flashmob na Alameda de Castelao ao ritmo do Waka Waka de Shakira. Pero sería pola tarde, cando o centro da vila se converteu nunha auténtica festa de cor e música, grazas ás carrozas e a animación musical que acompañaba ás comparas participantes.
Os integrantes da Asociación os Festeiros de Bembrive conseguiron o primeiro premio dotado con 900 euros grazas aos seus globos aerostáticos. En segundo lugar clasificáronse Os da Casa que se levaron os 600 euros do segundo premio. A formación Aladdín de Tomiño quedou en terceiro lugar, premio dotado con 300 euros. Na categoría de Inclusión á diversidade, a gañadora foi a Asociación de pais do Camp de Chapela, mentres que na nova modalidade de Retranca o premio foi para “Chegou o cambio climático” da asociación cultural de Beirán.
Na categoría dedicada aos máis novos impúxose “Oz, a cidade esmeralda” de Matamá.
A xornada de hoxe deixanos unha proposta para os máis pequenos con obradoiros infantís de cociña na praza da Constitución entre as 17:00 e as 19:00 horas.
De cara a mañá, martes de entroido, as actividades previstas está condicionadas polo cambio na situación meteorolóxica. Con todo, as propostas arrancarán xa a primeira hora da tarde coa música de Latexo Percusión e mekánica Rolling Band, un espectáculo itinerante que animará as rúas de Redondela e o concurso de disfraces que se desenvolverá ás cinco da tarde na praza do concello, con inscrición no momento. Haberá tamén obradoiros para os nenos na Alameda e as sete da tarde arrancará o espectáculo Vatra a cargo da compañía Pablo Méndez Performance e posterior queima do meco.
A xornada rematará con música, un concerto a cargo do grupo Nuevo Plan ás 20:30 na Alameda de Castelao.