A Coordinadora veciñal contra a casa de apostas aproveitou o mércores de cinza para celebrar un acto festivo-reivindicativo na Alameda. Unha comitiva fúnebre que quixo adiantarse ao que podería acontecer o próximo 9 d e abril, cando se cumpra un ano da autorización outorgada pola Xunta para a apertura deste negocio na rúa Ernestina Otero. Un enterro simbólico que fixeron extensible tamén “os artistas e deportistas que se enriquecen coa publicidade do xogo, a obsoleta lei do 85, ao ministerio de consumo por permitir a publicidade das apostas e as administración que lexislan a favor das multinacionais do xogo”.
Un cadaleito negro percorreu onte a Alameda Castelao seguido dunha comitiva fúnebre que quería así “celebrar” o que desexan que aconteza o vindeiro 9 de abril, cando remate o prazo da autorización concedida pola Xunta sen que este negocio chegue a abrir en Redondela. Unha casa de apostas que permanece paralizada dende que comezaran as mobilizacións e que, adía de hoxe, continúa pendente da resolución das máis de 2000 alegacións presentadas por veciños e colectivos. A marcha fúnebre remataba con breves responsos nos que se enterraba, xunto coa ruleta e a casa de apostas, a todos aqueles que favorecen que esta lacra social vaia a máis “xente da farándula que se enriquece coa publicidade do xogo, unha lei do ano 85, obsoleta e que é preciso substituír por outra que se adapte aos novos tempos, ás diferentes administracións que non lexislan en defensa das nosas familias e si en defensa das multinacionais ou mesmo o ministerio de consumo, por permitir a publicidade do xogo nuns horarios que non consideran axeitados”.