Un vehículo estacionado na rúa pública resultou danado logo de caer, dende o cuarto piso dun edificio da rúa Ernestina Otero, a persiana do inmoble, que era arrancada polo vento. Un suceso que tiña lugar pouco antes das once da noite de onte, nunha xornada na que houbo tamén intervencións por caídas de árbores e sinais.
Os fortes refachos de vento das ultimas horas deixaron numerosas incidencias no noso concello. Así, foi necesaria a intervención da Policía Local tanto no Camiño Romano na parroquia de Saxamonde como no Camiño do Mouriño en Vilar. No primeiro dos casos a árbore precipitábase ao chan levándose por diante parte do alumeado público. Era o propietario da árbore o que procedía a súa retirada logo de ser alertado pola Policía. En Vilar un piñeiro tamén impedía o paso polo camiño polo que foi retirado polos axentes.
Un vento que tamén provocou a caída de dúas sinais, unha delas na rotonda de Vilavella e outra no Alto dos Valos en Saxamonde.
Con todo, o maior dos sustos vivíase no centro da vila ao desprenderse unha persiana dun cuarto piso na rúa Ernestina Otero. Os feitos tiñan lugar ao redor das 10:45 da noite cando por mor do vento este elemento da fachada do edificio precipitábase ao chan caendo sobre un vehículo estacionado sobre a vía pública ao que lle provocaba danos leves.
Sotuomaior
Dende protección Civil de Soutomaior informan tamén das incidencias que ao seu paso por este concello deixaron as borrascas “Jorge” e “Karine”, cun retén de garda que pasou toda a noite taballando con varias árbores caídas, desprendemento de mobiliario urbano, e algunha incidencia máis relacionada sobre todo cos fortes refachos de vento.