O Comité de seguimento do Concello de Redondela fronte ao COVID19 reuniuse con carácter de uxencia na noite de onte para avaliar novas decisións ante o novo Decreto de Estado de Alarma. Presidido pola alcaldesa, Digna Rivas, acordaron novas medidas como o peche das fontes públicas conectadas a rede municipal ou limitar a entrada ao cemiterio municipal de Mañó a un máximo de 25 persoas. Lembran que a partir de mañá está restrinxido o acceso ás depedencias municipais, a excepción de contar con cita previa ou casos de urxencia.
Unhas medidas que logo da reunión do Comité de seguemento este sábado ás 22:00 horas se trasladaban hoxe aos grupos da oposición. Medidas todas elas que buscan favorecer a contención do virus así como adaptarse a nova situación derivada do novo decreto de Estado de Alarma comunicado polo Goberno do Estado.
Así, co obxecto de protexer ao persoal e a cidadanía suspéndese a atención presencial ao público, polo que as consultas deberán ser telefónicas (986 400 300) ou telemáticas, restrinxíndose a atención a aqueles casos de urxencia ou con cita previa. Interrómpense ademais os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, que se reanudarán no momento no que perda vixencia o estado de alarma.
Dende o concello lembran a veciñanza que deben manter o espazo de seguridade entre as persoas e lembran que están garantidos as subministración de alimentos así como a apertura dos establecementos comercias para a súa venda, pero que é preciso permanecer nos establecementos comerciais soamente polo tempo estritamente necesario, evitando aglometacións e gardando as distancias de seguridade.
Ademais do peche de espazos públicos como parques infantís, xa en vigor dende o pasado venres, acordouse o peche de todas as fontes conectadas á rede pública de abastecemento de augas sitas no termo municipal así como limitar a entrada ao cemiterio municipal de Mañó a un máximo de 25 persoas.