A picaresca non ten límites e nas últimas horas un veciño de Vigo foi identificado en Redondela por non acatar as medidas de confinamento decretadas polo goberno. O home viña dende a rúa Ramón Nieto en Vigo e, cando foi interceptado pola policía, explicou que “viña a Redondela a comprar o pan”. Con todo, nas últimas horas foron menos os que incumpriron a normativa en canto a quedar na casa.
Un vigués, residente na rúa Ramón Nieto, foi identificado logo de saltarse o estado de alarma. O home circulaba por Redondela e cando foi preguntado polos axentes pola razón da súa saída, respondeu que “viña comprar o pan”. Enfróntase agora a unha sanción que podería ir dos 601 aos 30.000 euros, ao non poder xustificar razoablemente que facía fora da súa vivenda.
Un caso excepcional, xa que a Policía Local asegura que nas últimas horas poucos son os que se saltaron o confinamento e xa se ve menos xente pola rúa, agás os que teñen que ir facer a comprar, ao traballo ou ao médico.
Un servizo que si se atopa con todo tipo de consultas telefónicas, dende negocios que non teñen claro se poden ou non abrir ata veciños que explican casuísticas particulares. Houbo así algunha chamada dunha veciña que quería ir poñer flores o cemiterio por tratarse do cabodano dalgún familiar e a quen se lles trasladou que esa excepción non está contemplada na lei, ata quen precisa de facer unha mudanza porque se lle acaba o contrato de aluguer.