A Policía Local de Redondela impuxo nas últimas horas varias denuncias por non respectar as normas de confinamento establecidas polo estado de alarma. En Cesantes eran identificados e denunciados tres mozos, un deles menor de idade, logo de sorprendelos paseando a cabalo ás 20:00 horas do xoves pola N-550 en Cesantes en dirección ao Camiño da Ganga. Tamén identificaron e denunciaron a un home de 68 anos veciño de Redondela que levaba varias xornadas realizando “churrascadas colectivas” nun galpón en Reboreda. Denunciouse tamén en Chapela un local de hostalaría por vender cervexas.
Nas últimas horas a policía local de Redondela intensificou a súa presenza na rúa para vixilar e garantir o cumprimento de confinamento decretado polo Goberno. As mensaxes que emiten por megafonía dende os seus coches advertindo de que “só está permitido sair de casa para cousas imprescindibles por atoparnos ante unha epidemia moi grave”, non parecen afectar de igual xeito a todo o mundo. Hai quen aínda nas últimas horas segue facendo caso omiso das advertencias.
Hoxe mesmo procederon a denunciar un veciño de Redondela de 68 anos de idade que organizaba “reunións” con máis amigos, nas que non faltaba o churrasco e o viño, nun galpón da súa propiedade no barrio da Quintana en Reboreda.
Tamén en Cesantes, foron denunciados tres xinetes, un deles menor de idade, logo de seren sorprendidos aproveitando o festivo e o bo tempo de onte cabalgando en dirección ao camiño da Ganga. Os mozos, veciños de Soutoxuste, déronse a fuga abandonando os cabalos, pero finalmente foron localizados, identificados e denunciados. Uns incumprimentos que lles poderían acarrear unha sanción que vai dende os 601 aos 30.000 euros.
Unha sanción maior é a que se lle podería aplicar a un local de hostalaría de Chapela, autorizado a abrir as súas portas para a venda de pan e outros produtos de pastelería e alimentación, pero que tamén servía cervexa a súa clientela, o que provocaba que moitos quedaran na terraza do establecemento.
Requeríuselle tamén a dous comercios do centro da vila que pecharan as súas portas. Un establecemento dedicado a venda de iluminación e outro de mobles, aos que os axentes se dirixiron para advertirlles que non estaban entre os comercios autorizados.
A Policía Local advirte que nas vindeiras horas intensificaranse os controis e instan aos veciños a cumprir as medidas de confinamento para frear o avance do coronavirus.