O Goberno local de Redondela anunciou hoxe a inminente posta en marcha do semáforo situado nas inmediacións do CEIP Alexándre Bóveda de Angorén na parroquia de Chapela, dando así resposta a unha vella demanda veciñal. Dende o goberno amosan a súa satisfacción por lograr a instalacións deste sinal xa que foi unha das primeiras demandas realizadas ante o Ministerio de Fomento nada máis chegar á alcaldía.
O semáforo xa está instalado e entrará en funcionamento esta semana. Isto suporá que unha vez superada esta fase de confinamento, o alumnado do colexio Alexándre Bóveda de Angorén volverá ás aulas coa seguridade reforzada, unha vez que estará xa en funcionamento este grupo semafórico que incremente a seguridade vial no acceso a Río Frío así como na contorna do propio colexio. Unha sinal que virá facilitar o tránsito da comunidade educativa e dos veciños da zona que ata o de agora tiñan dificultades para atravesar unha estrada nacional moi concorrida polos vehículos.
Ademais do correspondente grupo semafórico realizarase unha modificación da sinalización vertical e horizontal actual para a súa adecuación á nova situación.
O bloque semafórico contou cun importe de 36.142 euros, financiados con fondos municipais.
A alcaldesa Digna Rivas amosou a súa satisfacción porque o goberno local “tan so uns meses despois da súa chegada ao Concello, fora quen de dar unha resposta eficaz a unha demanda histórica da veciñanza de Chapela”.