As obras, que contan cun investimento de 778.000 euros e se iniciarán no límite co Concello de Vigo, permitirán a creación dun sendeiro de 1,6 quilómetros que rematará na zona da estación de Chapela, onde se creará unha gran praza pública que será o centro neurálxico da Senda Verde. O Concello conta xa co proxecto que transformará nun espazo de esparexemento esta antiga vía férrea ao seu paso por Chapela.
A Senda Verde de Chapela, un dos primeiros expedientes aprobados polo actual Equipo de Goberno, comeza a tomar forma logo do informe favorable emitido polos servizos técnicos municipais e á espera das autorizacións sectoriais de Augas de Galicia e Estradas da Xunta de Galicia.
A actuación prevista cumprirá un dobre obxectivo. Por unha banda dará novo uso ao antigo trazado ferroviario ofrecendo á cidadanía un lugar de esparexemento, deporte e fomentando a vida saudable. Doutra banda rematarase coa histórica división de Chapela pola liña de ferrocarril ao dotarse de contido ao antigo apeadeiro, converténdoo nunha praza de conexión entre as dúas zonas.
O trazado estará formado por dúas vías diferenciadas, unha para uso peonil e un carril bici de dobre sentido de circulación. A Senda contará, ademais, con zonas de descanso e vexetación.
O Equipo de Goberno subliña a importancia dunha actuación que, “amais de ofrecer un novo espazo de lecer á veciñanza, remata coa tradicional división desa zona de Chapela”.
Digna Rivas chamaba a atención sobre a importancia que esta senda verde terá “non só como elemento redutor da contaminación e dinamizador dunha vida saudable, senón como xeito de poñer en valor, a través dun espectacular paseo peonil, o noso patrimonio medioambiental, cultural, arquitectónico e histórico”.
A Senda Verde supón polo tanto, “un paso para a recuperación e mellora medioambiental do municipio e un exemplo de recuperación de espazos para á cidadanía” engade a rexedora local.
A presente actuación cun orzamento de 778.000 euros, está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80 % dentro do Programa Operativo FEDER Plurirrexinal (POPE) 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible.