A pandemia do coronavirus chega ao pósito redondelán no seu peor momento. A Confraría, que atravesa unha complicada situación económica, vive con preocupación esta crise. Mantense a actividade na captura do choco, pero decidiron suspender o marisqueo pola falta de demanda e a caída dos prezos.
O patrón maior, Xoel López, explica que o traballo na confraría está “baixo mínimos” tan só coa subasta do choco, captura á que se dedican actualmente 16 embarcacións. En canto á actividade marisqueira, tanto a pé como a flote, decidiron suspendela. A falta de demanda de marisco, polo peche da hostalaría, levou a unha drástica caída dos prezos, polo que todas as confrarías da ría de Vigo decidiron suspender a actividade “para non regalar o marisco, que xa é escaso, e evitar así tamén o risco de contaxio dos traballadores”. Axudas directas Desde a confraría piden que o goberno central decrete tamén o cese da actividade do marisqueo, xa que se trata dun produto que “non ten carácter de esencial ni de primeira necesidade”. Desta maneira podería acollerse as axudas directas decretadas nos últimos días. Coa actual situación, mentres a actividade de marisqueo estea permitida, só poden recibir axudas se xusitifican unha caída de ingresos do 75% “e en moitos casos non se cumplirá”, segundo apunta o patrón maior, que segue a espera da información que lle remitan desde as federacións de confrarías galega e etatal. No pósito redondelán son máis de 100 persoas, na súa inmensa maioría mulleres, as que se dedican ao marisqueo, e que están afectadas polo paro voluntario da actividad.