A Asociación de empresarios alerta da complicada situación na que se atopan 1.807 autónomos que estaban plenamente operativos no mes de febreiro e que pecharon as súas portas ao decretarse o Estado de Alarma. Solicitan da administración local medidas que faciliten que retomen a actividade unha vez superada a crise sanitaria. Propoñen que os orzamentos que se ían investir en eventos que non se van realizar (Festa do Choco ou da Coca, previsiblemente) se destinen a medidas para superar a crise económica.
A Asociación empresarial reclama a creación dun grupo de traballo que permita “estudar como recuperar a situación anterior e aplicar medidas a nivel comercial, empresarial e hostaleiro que permitan superar a que se anticipa “unha crise económica sen precedentes que deixará importantes secuelas nos hábitos de consumo” en palabras do presidente do colectivo Enrique Lago. Son conscientes de que ante esta situación inédita está a ser difícil aventurar que vai pasar no futuro “que dependerá en gran medida de cómo evolucione a crise sanitaria” e insisten en que ante unha situación excepcional compre “articular e imaxinar medidas inéditas”. Entre elas adiantas como unha posible acción de goberno que as partidas económicas que se van deixar de investir en todos os eventos que este ano previsiblemente xa non se van realizar (Festa do Choco ou festa da Coca, entre outros) se destine a axudas aos autónomos e ao sector comercial e empresarial. Reclaman tamén apoio aos establecementos que permanecen abertos para conter a propagación do virus e garantir a seguridade dos que seguen en activo neste período de estado de alarma, pero insisten “é necesario comezar xa a traballar nas medidas que se aplicarán despois de cara a garantir a reapertura e reducir a incerteza na que se atopan nestes momentos os 1.807 autónomos que estable plenamente operativos no mes de febreiro e dos que dependen uns 5.600 postos de traballo por conta allea, sen esquecer aos 606 traballadores do réxime especial do mar que tamén están a vivir momentos de incerteza”.