A concellería de Medio Ambiente está a preparar unha normativa que ten pensado comezar a aplicar nos vindeiros días e que se vai aplicar aló menos mentres dure o estado de alarma. Unha vez entre en vigor a policía poderá solicitar aos propietarios de animais a documentación identificativa da mascota, independentemente da raza do animal, e que se leve unha botella con auga para limpar os ouriños do animal. Descartan aplicar medidas que si aprobaron outros concellos nos que estableceron determinadas franxas horarias para pasear aos cans.
Pasear un can é un dos supostos nos que está permitido saír á vía pública. Para evitar a picaresca e que estes paseos se convertan nunha escusa para saltarse o confinamento, os concellos están a elaborar diferentes pautas para aplicar durante o estado de alarma. Así, dende Medio Ambiente apelan a responsabilidade da xente para que non se excedan no tempo de paseo e lembran que é obrigatorio levar enriba a documentación identificativa do can. Avisan que nos vindeiros días os axentes da policía poderían comezar a solicitala. Entre as medidas previstas non se contempla restrinxir as saídas dos cans a un horario establecido como si se está a facer noutros concellos pero si esixir aos propietarios dos animais que leven consigo unha botella de auga para limpar os ouriños. Por outra banda, lembran dende este departamento que se está aplicando tamén a normativa do Estado en canto aos desprazamentos dos propietarios de leiras agrícolas neste tempo de confinamento. Unhas medidas que recoñece Villar son “un tanto urbanitas” ao establecer que os propietarios de terras non poden desprazarse máis de 500 metros. En todo caso anima aos que teñan calquera dúbida a poñerse en contacto co concello ou coa policía local e apunta o caso dun home que reside en Vigo pero ten que desprazarse a Chapela para dar de comer ás galiñas que ten nunha finca da súa propiedade “aquí prevalece a lei de benestar animal”.