As máscaras infantís distribuiranse a través das farmacias do municipio. Estarán dispoñibles a partir da próxima semana en dous tamaños e son máscaras lavables e reutilizables. Un material de protección que non é recomendable, segundo as autoridades sanitarias, para menores de tres anos. O seu uso non será obrigatorio para que os cativos poidan saír a rúa pero recomendable, segundo as últimas directrices do goberno.
Coa ollada posta no inicio da desescalada infantil, que comezará este 26 de abril, para os menores de 14 anos, o concello de Soutomaior puxo en marcha unha campaña de reparto de máscaras para os rapaces de entre 3 e 14 anos. Un pedido que foi feito a comezos desta semana e que o goberno local estima que estarán a disposición dos veciños a partir do martes, 28 de abril.
As máscaras poderán adquirirse nas farmacias e estarán dispoñibles en dous tamaños: para nenos de entre 3 e 7 anos e outro tamaño un pouco maior para rapaces de entre 8 e 14. En canto aos máis pequenos, as autoridades sanitarias desaconsellan o uso deste tipo de material de protección en cativos menores de tres anos.
Estas máscaras caracterízanse por ser de menor tamaño e mellorar o axuste coa cara. Están compostas por unha tripla capa de protección e con filtro interno TNT. Son reutilizables, tan só é preciso lavalas a máis de sesenta graos con auga e xabón ou con osíxeno activo para conseguir a súa desinfección.
Máis de trinta veciños súmanse á campaña de confección de máscaras.
As máscaras son un material de protección fundamental para moitos colectivos e persoas que padecen certas patoloxías pero escasean, porén en Soutomaior teñen en marcha unha campaña solidaria para coser máscaras ao que xa se sumaron máis de 30 veciños. O procedemento é sinxelo, o concello proporciónalles o material e tan só teñen que coselo. A previsión é que se confección 7.000 máscaras nas próximas semanas que serán repartidas entre a poboación.
As persoas interesadas nesta iniciativa solidaria poden poñerse contacto a través do teléfono ou WhatsApp no número 628 07 49 92, ou ben no Facebook Concello de Soutomaior. Tomarase nota do seu nome, dirección e teléfono e faranlle entrega do material no seu domicilio seguindo as medidas de seguridade.