Os veciños do Viso foron os primeiros en recibir as máscaras que o Concello de Redondela está a distribuír entre os veciños do municipio. Un reparto que arrancaba este domingo a través de Protección Civil e traballadores municipais. A distribución deste material de protección farase a domicilio para maior seguridade e para evitar desprazamentos innecesarios. A entrega de máscaras homologadas continuará ao longo desta semana polo resto das parroquias.
Na parroquia do Viso foi onde o concello puxo en marcha a campaña de distribución de máscaras cirúrxicas homologadas. En total 50.000 unidades ás que dende o goberno local confían sumar outras 20.000 que foron solicitadas á Xunta de Galicia.
As entregas estanse a facer a través do persoal do concello e membros de Protección Civil nas propias vivendas para evitar que os veciños teñan que saír das súas casas e se corran risco innecesarios. Un reparto de máscaras homologadas que continuará ao longo da semana no resto de parroquias redondeláns.
Distribución máscaras nos concellos da bisbarra
Tamén en Soutomaior e Pazos de Borbén reparten máscaras entre os veciños. Este domingo comezaba o reparto en Pazos, onde a distribución tamén se está a facer casa por casa. Cada veciño recibe persoalmente unha máscara cirúrxica debidamente desinfectada e empaquetada para evitar calquera tipo de contaminación do material.
En Soutomaior, para facilitar que os rapaces poidan saír a rúa coa máxima seguridade, distribuirán a partir deste martes nas farmacias do municipio máscaras homologadas en dous tamaños. Para nenos de entre tres e sete anos e un tamaño maior para rapaces entre oito e catorce. En total serán 1.000, as unidades que se repartan.