En Fornelos de Montes os traballos serán para mellora do pavimento e da seguridade viaria do Camiño dos Lameiros e do Camiño da Costa, en Vilán, e dos vieiros Berdello e Do Alargo en Alén de Abaixo, en Calvos. En Pazos a subvención será para dotar de firme o Camiño das Escolas, en Moscoso, e os camiños do Coto da Galiña e Valdecabras, na parroquia de Pazos.
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión dunha achega de 43.506 euros para o Concello de Fornelos ó abeiro da Liña 1 do Plan Concellos. Esta subvención terá como obxecto a execución dunha obra completa de mellora do pavimento e da seguridade viaria do Camiño dos Lameiros e do Camiño da Costa, situados en Vilán, e dos vieiros Berdello e Do Alargo en Alén de Abaixo (Calvos). O proxecto comprende traballos de saneamento e acondicionamento da pavimentación. Deste modo, no Camiño da Costa mellorarase a drenaxe cun colector de augas pluviais, ampliarase o ancho do sendeiro na saída á estrada PO-250 e levarase a cabo a renovación do muro de cachotería e da beirarrúa. No Camiño dos Lameiros, pola súa banda, mellorarase a drenaxe coa renovación da tubaxe e restaurarase o firme. No Camiño Berdello a limpeza das gabias e beiravías será fundamental para mellorar a drenaxe, mentres que o melloramento do pavimento pasará pola rebaixa da rasante e a restauración do pavimento. Ademais, instalarase unha varanda que mellorará a seguridade viaria do carreiro. Finalmente, no Camiño do Alargo será instalada unha quenlla de fundición para mellorar a drenaxe e renovarase o firme. Así, estas obras son necesarias para garantir consecuentemente a seguranza das vías.
Para Pazos de Borbén a Deputación aprobou unha achega de 40.165 para o asfaltado de varios camiños municipais, tamén na Liña 1 de investimentos do Plan Concellos. En concreto, a dotación de firme realizarase no Camiño das Escolas, situado na parroquia de Moscoso, así como nos camiños do Coto da Galiña e Valdecabras, emprazados ambos na parroquia de Pazos. Con esta achega, o Concello de Pazos de Borbén poderá acometer os traballos de asfaltado dos citados camiños, que na actualidade presentan estado de deterioro, a fin de garantir a seguridade viaria nestas zonas. En concreto, as obras que se van realizar inclúen a roza e retirada da vexetación nas distintas zonas de actuación, a limpeza do pavimento, a dotación de firme cunha nova capa de rodadura e a reposición de servizos. Os traballos teñen un prazo de execución previsto de dous meses.