Ao longo desta semana os libreiros do municipio foron abrindo as portas dos seus establecementos que permanecían pechadas dende hai máis de cincuenta días. Unha volta á actividade na que se reforzaron as medidas de hixiene e prevención pero que chega descafeinada xa que as directrices do goberno impiden que os clientes poidan tocar os libros, fundamental para que non teñan que comprar a cegas.
Os redondeláns xa puideron mercar esta semana os primeiros libros, logo de preto de dous meses nos que as librarías do municipio pecharon as súas portas por mor do decreto do estado de alarma. Ese é o caso da libraría “La Imprenta”, que recoñece que a xente se está a animar a mercar novamente malia as incertezas que tiñan de como ían ser os primeiros días por mor dos horarios e o confinamento. Agradecen o apoio dos veciños ao comercio local, un elemento fundamental para que poida saír adiante neste contexto de dificultade económica. Un regreso que supuxo, como en todos os establecementos, a posta en marcha de medidas de protección e prevención así como o incremento da frecuencia das limpezas dos locais e a hixeinización do material. Malia todo, un dos principais atrancos destes primeiros días está a ser a imposibilidade de que os clientes poidan tocar e ver os libros por si mesmos ante as limitacións impostas no Real Decreto que regula o sector. Unha restrición que diminúen as vendas e que os libreiros non entende xa que aos clientes proporciónanselle luvas e xeles hidroalcohólicos. Agardan que co avance cara as novas fases do desconfinamento, a xente se anime novamente a acudir às librarías xa que a situación económica de moitos é difícil e tampouco existen axudas concretas para o sector. Deben acollerse aos créditos ICO ou ás axudas dos autónomos, cun requisitos que en moitos casos non cumpren. Ao que hai que engadir que nalgúns casos son negocios nos que se combinan a libraría coa venda de material de oficina, recoñecida como actividade esencial, o que fixo que fosen os propios libreiros os que tomaron a decisión de pechar, o que dificultou o acceso a esas subvencións.