Poderán acceder a estas axudas os redondeláns maiores de 18 anos ou emancipados que quedasen sen emprego despois da declaración do estado de alarma, se lle aplicase un ERTE ou aos autónomos que cesasen a súa actividade ou sufrisen unha diminución na facturación. Esta achega é compatible con outras subvencións de entes públicos ou privados. O concello destinará a este fin unha partida inicial de 100.000 euros e non desbota habilitar outras partidas no futuro se a situación o fai preciso.
Xa se poden consultar as bases e convocatoria que rexerán a concesión de subvencións das “Axudas Sociais COVID-19” do concello de Redondela. Unha iniciativa que pretende dar resposta á “ crise provocada pola expansión do coronavirus e a paralización de sectores económicos que supoñen o cese da actividade laboral”. Porén só poderán acceder a elas aquelas persoa que poidan acreditar que por mor da pandemia se atopan nunha “situación extraordinaria de carencia e emerxencia que poida derivar en situacións de risco de exclusión ou vulnerabilidade social tras a declaración do estado de alarma”.
Os solicitantes deberán ser maiores de 18 anos ou estar emancipado legalmente, estar empadroados no Concello de Redondela e acreditar que carecen de medios económicos suficientes por mor da perda do emprego, a aplicación dun expediente de regulación de emprego temporal ou que como autónomo cerase a súa actividade ou se sufrise unha diminución da facturación, nunha data posterior á que foi decretado o estado de alarma, o 14 de marzo.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a consideración de“extraordinaria” destas axudas que, afirma, “deben dar resposta rápida, urxente e áxil a unha situación moi complicada pola que están a pasar moitos dos nosos veciños e veciñas”. Unhas achegas que se destinarán unicamente a dar resposta a situacións extraordinarias de carencia e emerxencia”, sempre baixo a responsabilidade da persoa solicitante “e a supervisión do persoal técnico dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos”
As solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral da Casa do Concello de xeito presencial ou ben por medios electrónicos.