Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela esixe á Xunta a reapertura dos centros de atención a persoas dependentes

RR_Noticias

A intención da Xunta de Galicia de non reiniciar esta actividade ata o 1 de setembro “supón un enorme prexuízo para máis de 150 usuarios e as súas familias”, denuncia a alcaldesa, Digna Rivas. Logo dunha xuntanza con responsables de Centros de Día e a Asociación Lenda de Saúde Mental, o goberno local demanda a reapertura “urxente” destes centros.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas xunto con varios menbros do equipo de goberno a técnica de Servizos Sociais, reuníronse onte con responsables dos centros de día Os Cortizos, Galeón e Arela e da Asociación Lenda de Saúde Mental, para analizar a situación creada polo anuncio da Xunta de Galicia de non retomar a actividade dos centros de atención a persoas dependentes ata o día 1 de setembro. A decisión, que foi cualificada polo Goberno de Redondela como “sorprendente e absolutamente desacertada” deixa sen atención a máis de 150 persoas “ocasionándolles un grave prexuízo aos usuarios e usuarias e ás súas familias que, dende o pasado mes de marzo en que se decretou o estado de alarma, teñen graves dificultades para conciliar o coidado das persoas dependentes coa súa vida laboral”. Advirte o goberno local que un dos colectivos “que sufriron en maior medida, e seguen a sufrir, as consecuencias do confinamento son as persoas maiores, dependentes e con diversidade funcional”. Poir iso a alcaldesa critica que a Xunta “deixe a estas persoas desatendidas durante tres meses máis”. Na xuntanza quedou de manifesto que os efectos negativos comezaron a ser visibles “dende o primeiro momento” con problemas como “limitación de movemento, carencia de estimulación, aumento do sedentarismo, e un incremento dos sentimentos de soidade, incerteza, desesperanza e tristeza”. Os responsables dos centros de atención a dependentes sinalan que esta situación “agrava o estado físico e cognitivo destas persoas, e tamén o seu grao de dependencia”. Consideran “inaceptable” o peche por máis tempo dos centros ocupacionais como Lenda, que presta servizos de terapia ocupacional e de axuste persoal e social a persoas con discapacidade “que non poden esperar ata setembro”. O mesmo acontece cos Centros de Día que son “un apoio fundamental ás familias á hora da conciliación da vida laboral” e unha ferramenta básica “para persoas con dependencia ou en risco de padecela, promovendo a súa autonomía e socialización nunha contorna habitual e coñecida”. O Concello de Redondela asegura descoñecer “a motivación técnica” na que se basea a decisión da Xunta de pechar estes centros, polo que acordaron instar ao goberno galego a que remita ao Concello de maneira urxente “os informes técnico-sanitarios en que se fundamente esta decisión”.
Axudas extraordinarias insuficientes
O peche destes centros supón “máis carga” para as persoas coidadoras e provoca que a conciliación da vida familiar e laboral resulte “inexistente”. O goberno local considera “inaceptable e insuficiente” o paquete extraordinario de medidas de conciliación anunciado pola Xunta. Rivas advierte que unha contía de 500 euros ao mes, cando as familias cumpren os requisitos esixidos “non fai posible a conciliación”. Lembra a alcaldesa que o custo real do servizos de atención domiciliaria “rolda os 16 euros por hora”, polo que a axuda da Xunta supón o pago “de pouco máis dunha hora ao día, unhas 31 horas ao mes”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará