O BNG critica a desinformación sobre os efectos que tería sobre os elementos arqueolóxicos existentes na zona de Pazos de Borbén a creación dun parque eólico. Lembran que a Xunta reactivou a tramitación administrativa deste proxecto que prevé a construción dun parque eólico que ocuparía gran parte do Monte Buxel, Galleiro, Alto da Serra e Monte da Serra e que estaría composto nun inicio por dez aeroxeradores, unha torre meteorolóxica e unha subestación eléctrica o que provocará “un gran impacto visual e ecolóxico nunha zona xa de por si moi maltratada polo oleoduto, gasoduto e diferentes liñas de alta tensión”.
Desde a organización nacionalista destacan que estes montes teñen un alto valor arqueolóxico cunha das maiores densidades do país. Atópanse alí silos, mámoas, petróglifos e un asentamento humano anterior aos castros, catalogados nunha mínima parte pola Xunta. O responsábel local do Bloque, Xurxo P. Besadío manifesta que “coa instalación de varios elementos do parque eólico no entorno do Monte Buxel, o noso patrimonio arqueolóxico desaparecerá. Estamos a favor das enerxías renovables, mais non a calquera custo”.
Critican o que definen como “política de nocturnidade e aleivosía” por parte da Xunta ao ocultar este tipo de proxectos “que non corresponden ao interese xeral, nin son esenciais”. Plans como este tramítanse as costas dos intereses das veciñas e veciños, onde o PP de Andrés Iglesias xoga un papel importante ocultando información á veciñanza. Conclúe o BNG criticando a falta de información ás comunidades de montes, xa que son as primeiras afectadas e a día de hoxe non teñen constancia da solicitude deste parque eólico, nin pola Xunta nin polo Concello.