O concerto terá lugar o domingo ás 20:00 horas sempre e cando o tempo o permita. No recinto non haberá baños nin barras polas imposicións sanitarias do coronavirus e o público asistente non poderá superar as 200 persoas para garantir así a distancia social, polo que compre facer unha reserva no enderezo artelixoredondela@gmail.com. Voluntarios de protección civil farán un control de temperatura na entrada do recinto. Será o acto de clausura dun Artelixo que continuará con algunhas das súas obras expostas no Multiúsos da Xunqueira. O resto das esculturas, espalladas por diferentes puntos da vila, recolleranse na vindeira semana.
A xornada do domingo comezará ás 12:00 horas cunha sesión vermú, amenizada por gaiteiros do grupo Asubíos de Portocedeira, Pacíficos errantes, Panorámika e Antón ke. Ás dúas da tarde farase unha parada para xantar e na sobremesa actuarán o grupo de teatro de Ventosela, Iván Gulín, Su Garrido, Xulia María e Sheila Patricia, Gafanhotos Aviados, Gaiazz e as Efémeras.
A partir das seis subirán ao escenario Seso Durán, Relámpago, Patrulla Canica, AMBC, Los Walter Mattaus, Paciencia Paradise, 30 de fibra e The 2 zapatóns. No concerto participan a meirande parte dos artistas que conforman este dobre CD que inclúe 37 cancións de diferentes estilos. O disco poderá adquirirse no lugar ata o remate da romaría musical, que está prevista para as oito da tarde.
Unha festa marcada toda ela pola “nova normalizade” que non permitirá un aforo superior as 200 persoas que poderán sentar comodamente e manter a distancia social que establecen as autoridades sanitarias. O uso de máscara é obrigatorio e voluntarios de protección civil farán un control de temperatura á entrada do recinto. Unha entrada que será diferente da saída, para favorecer a circulación do público con seguridade. No recinto non haberá baños nin barras, de maneira que todos os que queiran comer alí terán que traer a comida e a bebida da casa, así como unha mantiña na que sentar. Si haberá un punto de auga corrente e xel hidroalcólico a disposición dos asistentes á entrada e á saída.
Esta actividade está organizada polo colectivo Artelixo e conta coa colaboración do Concello de Redondela (a través das concellarías de cultura, medio ambiente, alcaldía, interior e vías e obras), da Sociedade Labrego Cultural de Reboreda, da Asociación de veciños de Reboreda, e doutros colectivos da vila como Sinha PACA ou Millo Verde e de activistas locais. A todos eles moitas grazas pola súa axuda.
Para asistir á presentación do CD (cuxa entrada é gratuíta) cómpre facer unha reserva, escribindo a artelixoredondela@gmail.com. Hai que indicar o nome completo de todos os asistentes e un teléfono de contacto. No caso de non ficar o día enteiro tamén agradecemos que nos indiquen a franxa horaria na que se quere vir. Faranse as reservas por rigorosa orde de chegada, podendo facer unha lista de espera ante posíbeis anulacións. No caso de non poder asistir, os concertos tamén se poderán seguir por streaming, desde o Facebook e o canal de Youtube de Artelixo.