Diversos sucesos aconteceron no municipio nas últimas xornadas, afortunadamente ningún deles deixou danos persoais graves. Policía Nacional e Local rescataron a unha octoxenaria que caíra por un desnivel no paseo da Portela. Na tarde de onte, en Chapela, unha nena foi atropelada por unha furgoneta, e nas últimas horas os axentes tamén denunciaron un conductor que multiplicaba por catro a taxa de alcol permitida ao volante.
A rápida intervención dun axente da Policia Nacional, axudado por un dos Policía Local, fixo posible o rescate dunha veciña de 82 anos de idade que caíra nunha zona de dificil acceso no Paseo da Portela. A muller, que esvarou e quedou atrapada sobre unha zona de matogueira, corría perigo de golpearse nas rochas nun momento de marea baixa. O suceso acontecía sobre as 21.00 horas do pasado mércores. Os axentes conseguiron rescatala e non foi necesaria a intervención dos Bombeiros do Baixo Miño e Vigo, que acudiron ao lugar. A muller foi atendida polos servizos sanitarios no lugar, e despois trasladada ao PAC de Redondela, onde lle realizaron un recoñecemento. Pasado o susto, puido ser trasladada ao seu domicilio.
Por outra banda, na tarde de onte unha nena duns 8 anos de idade resultou ferida ao ser atropelada por unha furgoneta na Avenida de Vigo, en Chapela. O accidente produciuse sobre as 18.00 horas cando a rapaza, por causas que se descoñecen, se adentrou na estrada nunha zona sen paso de peóns, á altura da intersección coa Subida as Ánimas. Unha furgoneta Mercedes que circuba nese momento pola estrada golpeouna. A menor, que estaba acompañada polo seu pai, foi trasladada por Urxencias Médicas a un centro hospitalario de Vigo, aínda que segundo informaron fontes policiais o seu estado non revestía gravidade. Ademais da ambulancia, tamén interveu a Policía Local para realizar o atestado.
Axentes da Policía Local e Nacional participaron tamén esta madrugada nun operativo conxunto de seguridade e prevención no centro de Redondela, e denunciaron ao conductor dun vehículo que circulaba sen seguro obrigatorio. Tamén instruiron dilixencias no xulgado de garda por un presunto delito contra a seguridade viaria, tras dar o alto outro conductor que deu un resultado positivo de 0,94mg/l no control de alcolemia, case catro veces máis do permitido, xa que límite está en 0,25mg/l.