A eliminación da peaxe de Rande, o saneamento da ría ou a mellora do servicio ferroviario son algúns dos retos que se compremeteu a abordar Pontón se o BNG lidera o goberno galego.
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, instou a veciñanza de Redondela a unha mobilización masiva nas urnas para abrir un tempo novo da man do BNG o 12 xullo e deixar atrás a Galiza “minguante”, nun acto que tivo lugar no multiusos da Xunqueira, no que tamén participou o portavoz municipal, Xoán Carlos González, a candidata pola localidade, Jésica García, e o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará. Previamente, a líder nacionalista mantivo un encontro coa asociación feminista As Paxaretas, coa que abordou cuestións relacionadas coa igualdade real ou da loita contra a violencia machista. Pontón comprometeuse a aumentar o orzamento na loita contra a violencia machista até o 1% dos orzamentos da Xunta, 100 millóns de euros.
Pontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG. Un proxecto que tamén implica poñer en marcha medidas a favor de Redondela, dixo, asumindo a defensa de cuestións “que son clave para este concello pero que levan anos esperando unha solución, como acabar cunha peaxe inxusta; o saneamento da ría ou o feito de o tren pase polo concello pero ser dar servizo aos propios veciños e veciñas”.