Hoxe é Martes 26 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Robótica, baile, idiomas e ciencia entre as actividades xuvenís de verán en Soutomaior

RR_Noticias

O Concello de Soutomaior vai dando pasos para recuperar a normalidade e acaba de publicar o seu programa de actividades xuvenís para este verán. O goberno local deseñou un estrito protocolo de seguridade que inclúe desinfeccións completas antes de cada actividade e para participar os veciños deberán seguir todas as indicacións sanitarias, como a obrigatoriedade de levar máscara.

O Concello proporcionará material sanitario para garantir que todos os participantes contan coas medidas de protección necesarias. A maioría das actividades propostas para este verán céntranse nas actividades formativas. A primeira é un obradoiro de orientación profesional que pretende axudar aos mozos a descubrir as súas habilidades e as oportunidades que iso leva no mundo laboral. Na mesma liña oriéntase a segunda actividade, máis centrada en descubrir aos participantes as novas profesións que ofrece a contorna dixital. Organizado pola Biblioteca e a Concellaría de Cultura, este verán ofrécese un taller de conversa en inglés que terá lugar no exterior do multiusos de Arcade. A iniciativa pretende estimular a práctica desta lingua mediante xogos e grupos de traballo. Por último, o programa inclúe dúas actividades con formación en liña. A primeira é un curso de dez horas de creación de contidos dixitais en audio e vídeo. A segunda, que tamén conta cunha parte presencial, é un taller de robótica no que os mozos crearán os seus propios robots para enfrontalos máis tarde nunha serie de combates ao estilo xaponés de Hebecon.
Actividades de Saúde e Tempo libre
Ademais das actividades formativas, desde a Concellaría de Xuventude propoñen varias iniciativas para aproveitar o verán de forma saudable e educativa. Haberá dúas iniciativas baseadas no baile como exercicio aeróbico, para manter a boa forma física. A primeira céntrase nas coñecidas como Danzas Urbanas mentres a segunda pretende abarcar un público máis xeral e céntrase no aspecto máis deportivo do baile. Para gozar do verán de forma educativa propóñense dúas actividades, unha científica e outra ambiental. A primeira, titulada Ciencia Divertida, consiste nunha serie de talleres tecnolóxicos destinados a mellorar a creatividade e a imaxinación dos mozos. A segunda inclúe unha xornada de exploración na contorna da ponte medieval cunha ruta de 2 quilómetros. As actividades teñen distintos prazos de inscrición, polo que os interesados en participar deberán dirixirse á Oficina de Información Xuvenil (OMIX), a través do correo electrónico omix@soutomaior.com e dos teléfonos 986 700 822 e 638 822 868, para consultar a dispoñibilidade e inscribirse nas iniciativas que desexen.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará