O grupo municipal do BNG convoca a todos os colectivos, veciños e asociacións de Soutomaior a unha xuntanza que terá lugar hoxe xoves, ás 20.00 horas, no campo de San Benito. O obxectivo é esixir ao Sergas a apertura inmediata do consultorio de Romariz.
O voceiro do BNG, Manu Lourenzo, explica que a xuntanza contará “coas medidas de distanciamento social”, e que pretende poñer en común coa veciñanza “todas as medidas necesarias para que cese o desmantelamento da sanidade en Soutomaior”. Lourenzo destaca que “hai xa máis dun ano que se anunciou nunha concentración que o Sergas estaba a preparar o terreo para pechar de xeito definitivo este centro médico, e o tempo dános a razón”.