O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá as dúas novas contratacións que o consistorio realizará a través do plan de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero. A finalidade deste plan é contribuír a que estas vítimas poidan alcanzar unha independencia económica que lles facilite unha plena integración social e laboral.
As contratadas incorporaranse ao persoal municipal de Soutomaior e disporán dun contrato dun ano de duración cun horario de xornada completa para “dar un mínimo de estabilidade a estas mulleres e que poidan reconstruír as súas vidas deixando atrás o pesadelo da violencia machista” explicou o alcalde, Agustín Reguera.
Rueda indicou que se trata do programa pioneiro que a Xunta de Galicia puxo en marcha por primeira vez o ano pasado grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e que permite que 38 concellos de toda Galicia contraten a un total de 68 mulleres vítimas de malos tratos.
Por último, o alcalde indicou que as dúas novas traballadoras incorporaranse a postos xerais do consistorio e que non se crearán novos postos ou funcións que se poidan estigmatizar ou que sirvan para sinalar ás vítimas.