Agás o PP, todos os partidos amosaron o seu apoio a unha moción presentada polo BNG en contra da construción dun macrocomplexo deportivo e comercial que o Celta de Vigo pretende construír no veciño concello de Mos. Un proxecto que ao entender dos nacionalistas ameaza o futuro do pequeno comercio e que contou tamén co rexeitamento de PSOE e AER. Pola contra, o PP negouse a apoiala argumentando “que se trataba dunha cuestión que non afectaba ao noso concello”.
“Tras a idílica imaxe dun complexo deportivo, agóchase unha grande Área Comercial con 140 tendas, 12 locais de restauración, o que consideramos unha competencia desleal ao noso comercio de proximidade”, afirma Xoán Carlos González, quen defendeu a moción. Segundo o nacionalista “o PP ao posicionarse a favor da Macroárea Comercial volve darlle as costas ao pequeno comercio, un sector que crea emprego de calidade, dinamizando as vilas e concellos”.
Na moción, recóllese que ademais de rexeitar grande Área Comercial, que vai a ocupar un millón de metros cadrados dos montes de Mos, se solicitará ao novo goberno galego unha moratoria de dez anos na concesión de licencias.
“A presenza do BNG no goberno galego garantirá unha nova orientación lexislativa en defensa e polo futuro do Comercio Local; que será impulsado e dinamizado” salienta na súa nota Xoán Carlos González.