Os xogadores do equipo xuvenil xunto ao corpo técnico a directiva foron recibidos pola alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Deportes, Ignacio González, como recoñecemento tras ascender a División de Honra.
Digna Rivas quixo transmitir como alcaldesa e polo tanto “en nome de todos os veciños e veciñas” o seu orgullo polo traballo realizado ao longo dunha complicada tempada na Liga Nacional e felicitou tanto aos xogadores e corpo técnico, coma á directiva encabezada polo seu presidente, Iván Crespo.
Nas súas palabras a alcaldesa de Redondela salientou “a capacidade de sacrificio, de traballo e o compromiso co club e as súas cores, da que fan gala todos e cada un destes xogadores” e agradeceulles o feito de levar “con orgullo e alí por onde vaiades, o nome de Redondela”.
Houbo intervencións tamén do capitán do equipo, Álex Figueroa e o adestrador, Alberto Suárez, quen agradeceu tanto ao equipo como aos seus compañeiros do Corpo Técnico, Pablo Couñago e Hugo Álvarez, o traballo e sacrificio realizado durante toda a tempada así como o apoio da afección e a directiva choqueira. A continuación o presidente do club, Iván Crespo, agradeceu a colaboración de socios, patrocinadores, afeccionados e aos pais e nais dos xogadores polo esforzo realizado.