Máis de medio cento de persoas concentráronse este mañá ás portas da entidade bancaria para denunciar non só o cobro de comisións “abusivas” aos seus clientes senón tamén pola perda de calidade do servizo que están recibindo, coa supresión de boa parte das xestións presenciais, as longas esperas e a atención fóra das instalacións, o que está a obriga a moitos veciños a acudir á oficina que teñen no casco urbano de Redondela. Unha manifestación que foi a primeira doutras que prevén convocar nas vindeiras semanas.
Tixolas, cazos, pitos e bombos foron a banda sonora dunha protesta que protagonizaban un cento de veciños de Cesantes, este venres 10 de xullo, na oficina que ten a entidade financeira na parroquia. Din estar fartos de que lles cobren comisións “abusivas” e que cada vez sexan menos os servizos que ofrecen aos veciños. Lembran que se trata dunha poboación envellecida, boa parte dela pensionistas que non teñen coñecementos tecnolóxicos suficientes para facer xestións habituais como o pago de recibos, ingresos ou transferencias a través da banca online ou no caixeiro, o que obriga a moitos a depender de familiares e amigos para poder administrar a súa conta.
Unha situación, que explican, se viu agravada por mor da pandemia, co acceso e apertura limitada á oficina, o que está a provocar longas esperas cada comezo de mes. Os manifestantes tamén denuncian situacións que van contra a súa privacidade ao ter que contar situacións persoais ou datos das súa situación económica de pé nunha cola xunto a máis persoas.
Unhas deficiencias ás que hai que engadirlle o cobro de comisións “abusivas” o que está a obrigar a moitas persoas maiores a achegarse até a entidade para reclamalas. Corenta e oito euros semestrais, que explican, están cobrándolle a aqueles que menos teñen, pensionistas e parados. Comisións que xa provocaron a mobilización de milleiros de persoas afectadas en toda Galicia a través da plataforma Change.org, ademais das asociacións de consumidores.
Unha protesta “expontanea”, sinalan, que dada a resposta da xente van repetir nas próximas semanas. A concentración contou coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, concelleiros do grupo de goberno e edís da oposición.