Nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade participan neste programa de conciliación que organiza o Concello de Redondela e que este ano inclúe novas medidas de seguridade sanitaria fronte a Covid-19, como o uso de máscara en determinados momentos ou unha ratio menos de nenos por monitor para que haxa un maior control. Os campamentos desenvolveranse en Cedeira, Cesantes, Chapela, negros, Redondela, Ventosela e Vilar e está previsto que se repitan en agosto e principios de setembro.
Cubríronse menos da metade das 300 prazas ofertadas, algo que se podería explicar atendendo ao temor das familias a que os seus fillos se xunten co outros nenos pola situación xerada pola Covid-19, ao feito de que o teletraballo ou a ampliación dos Ertes facilite que algún proxenitor poida atender aos rapaces ao estar na casa ou mesmo que a demora no inicio do campamento levara a pais e nais a buscar opcións alternativas neste mes de xullo.
Uns campamentos que arrancan este mércores día 15 en horario de 9:00 a 14:00 horas e que o fan con medidas excepcionais: máscaras na entrada e saída do campamento, cambio de actividades para garantir o menor contacto posible entre os participantes, distancia social nas mesas e nas actividades realizadas no interior, diminución do ratio por monitor, que pasa de 15 nenos por coidador a dez, material desinfectado diariamente… medidas que a Concellería de Igualdade aplica este ano a uns campamentos de verán que buscan conciliar a vida laboral e familiar ao tempo que garantir a seguridade sanitaria para evitar risco de contaxio.
De feito, todos os usuarios deberán entregar no primeiro día de campamento unha “declaración de saúde” que busca que as familias estean informadas e garantir que os participantes non presentan patoloxías compatibles con coronavirus.