As augas de Chapela acolleron onte as Bandeiras Concello de Redondela masculina e feminina, cunha clara vitoria do renovado equipo do Club Remo Puebla na Liga B e das mozas de Cabo de Cruz repetindo triunfo e poñéndose en cabeza na xeral da Liga Feminina.
O equipo do Club Remo Puebla, volveu con forza e con ganas de facer unha gran tempada na liga B. Onte foi un vencedor claro da III Bandeira Chapela Concello de Redondela e fixo as delicias dos seus numerosos afeccionados sen dar opción aos remeiros do resto dos clubs, o Perillo que quedou segundo, o Castropol terceiro seguidos de Chapela, Narón e Cesantes.
A V Bandeira Chapela Concello de Redondela Feminina, tivo na tripulación de Cabo da Cruz as súas vencedoras seguidas de Perillo; o equipo de Tirán foi terceiro e Samertolaméu, cuarto; con Chapela e Rianxo pechando a clasificación.