Alertan que o maior número de visitantes que se está a rexistrar este ano nas zonas de ocio e lecer do concello está a provocar un incremento de residuos así como danos no seu patrimonio natural e arqueolóxico, por iso van pór en marcha unha campaña de concienciación coa instalación de carteis informativos para instar aos usuarios a que respecten os espazos, recollan o lixo e coiden a natureza.
A riqueza paisaxística e natural de Fornelos de Montes é un dos atractivos deste municipio que o converten en lugar de visita de moitas persoas. Un fluxo de visitantes que este ano, por mor da pandemia, se está a incrementar, na procura de espazos libres de acumulación de persoas e ao aire libre. Pero esta maior afluencia está a provocar tamén a aparición de máis lixo nestes lugares de recreo, como parques forestais, merendeiros ou áreas recreativas, o que xerou a preocupación dos veciños do lugar que o pasado sábado celebraban unha reunión para buscar solucións e tomar medidas. A principal, será a posta e marcha dunha campaña de concienciación para informar e instar aos visitantes a que depositen o lixo nos colectores, no caso de habelos, ou que o recollan e o leven para a casa. Tamén mensaxes de respecto e coidado da riqueza natural e patrimoniais, neste caso dirixido aos usuarios de vehículos a motor, como quads ou motocross, que, en ocasións, provocan danos en camiños ou árbores pero tamén nos restos arqueolóxicos que hai no concello.
Os veciños puxéronse en contacto coas autoridades e o Seprona, pero recoñecen que a solución deben vir pola concienciación da cidadanía, xa que é imposible controlar todos os espazos naturais que ten un concello da superficie de Fornelos de Montes que conta ademais con poucas dotacións para a vixilancia.
Carmen Carreiro, unha das veciñas que se atopa detrás desta iniciativa, fai fincapé en que todos os visitantes son benvidos, xa que son riqueza e vida, para un concello do rural, envellecido e con pouca poboación, pero fan un chamamento ao civismo xa que o “equilibrio entre o disfrute e o coidado” si é posible.