O grupo municipal do PP afirma que as parroquias sofren “un abandono inexplicable en roza e mantemento de áreas de recreo en plena época estival”. Os populares lamentan que, malia existir un contrato cunha empresa por máis de 100.000 euros moitos espazos “son unha selva” e hai camiños “intransitables”.
A concelleira do PP, María José Barciela, denuncia que “só están a traballar nestas tarefas 4 operarios, dous condutores de tractor e dous peóns cun soplador, non recollen a maleza nin limpan as beiravías”. Apunta que espazos de recreo como o Maceiras ou o área de descanso de Saxamonde, a Senda da auga, son “unha selva”, situación “que afecta á imaxe que levan os peregrinos de Redondela ao seu paso pola vila”. Engade que os camiños parroquiais “están cheos de maleza e intransitables”, e critica “o total abandono” das parroquias por parte do goberno local.