Os veciños de Rande, Chapela, Cabanas e Trasmañó levan décadas soportando o fedor procedente desta fábrica de fariñas de peixe. Fartos de denunciar a situación ante o Concello, Seprona e a Policía e mesmo no xulgado, denuncian “os enganos reiterados” da clase política e esixen unha solución. Teñen en marcha unha recollida de firmas e preparan mobilizacións en próximas datas.
Os veciños aseguran “non entender” como o Concello de Redondela condeceu licenza municipal de obra para a ampliación das instalacións de Aucosa, Auxiliar Conserveira S.A, ubicada no litoral de Cabanas. Logo dunha xuntanza mantida o pasado mes de xunto coa alcaldesa Digna Rivas e o edil de Medio Ambiente, Roberto Villar, o goberno local explicou que as obras xa foran paralizadas o ano pasado “porque non tiñan licenza e había irregularidades urbanísticas”. O Concello defendía entón “o traslado da planta de Aucosa ou o cese de actividade”. Villar advertía en xuño que é a Consellería de Medio Ambiente “quen ten competencia para permitir ou non que esta empresa contaminante continúe coa súa actividade neste lugar”. Con todo, os veciños recibiron a noticia de que a licenza municipal quedou resolta o pasado mes de xullo, e denuncian o que consideran “un engano” por parte do goberno local. Venancio Custodio González, un dos veciños afectados critica “que nin o anterior goberno do PP nin o actual de PSOE e AER dean unha solución aos veciños”. Os afectados teñen en marcha unha recollida de firmas que están a apoiar centos de veciños “xa que son moitos os barrios que padecen estes malos cheiros”. Por outra banda preparan un calendario de mobilizacións que, polo de agora, aínda non puxeron en marcha por “responsabilidade”. Explica Gongález que por mor da situación sanitaria da Covid-19 prefiren non congregar á veciñanza, pero que o farán en datas próximas. O colectivo denuncia non só os ruidos constantes e os malos cheiros da fábrica, senón tamén os verquidos que fan á ría, “unha contaminación que está afectando de maneira irreversible a este espazo natural, á pesca e ao marisqueo”.
Modernización da planta
Aucosa garante que a modernización da súa planta reducirá nun 99% o mal cheiro. O director xeral de Aucosa, Roberto Casas, garante que a actuación que se desenvolve para mellorar as instalacións cunha superficie adicional de 1.438 m2 contempla a instalación dun sistema de captación e tolvas cubertas que reducirán os cheiros no exterior, que serán “practicamente inapreciables”. Unhas declaracións que non convencen aos veciños, que denuncian que levan anos “escoitando mentiras”.