Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O turismo mariñeiro volve á enseada de San Simón

RR_Noticias

A proposta de Amarturmar, que nace dos propios traballadores da pesca e o marisqueo de Redondela, ofrece diferentes rutas, tanto en terra como no mar. Unha opción de turismo experiencial e sostible que permite ao visitantes vivir en primeira persoa unha xornada de pesca ou marisqueo no enclave privilexiado da ría de Vigo.

A asociación de turismo mariñeiro, que naceu hai pouco máis dun ano en Cesantes, retomou este verán as actividades tras o obrigado parón pola crise sanitaria da Covid. A súa oferta está ligada ao ciclo natural do mar, como explica un dos seus responsables Severino Casal. As rutas dispoñibles este mes son a do marisqueo a pé, o marisqueo a flote, a ruta do xeito para a pesca de sardiña e xouba, e a visita ao porto de Cesantes. Outra das opcións, entre os meses de febreiro e xuño, é a ruta do choco, que actualmente non se pode realizar por estar o cefalópodo en veda. Desde que comezaron coa actividade, para o que se formaron como guías oficiais de turismo mariñeiro, o seu obxectivo é “difundir e poñer en valor a traidición e cultura mariñeira de Redondela”. Fano, ademais, nun enclave privilexiado como é a enseada de San Simón, na ría de Vigo, un espazo natural de especial valor ecolóxico e paisaxístico, moi rico en diferentes especies mariñas. Ás espectaculares vistas da ría, únese a historia deste espazo, desde a Batalla de Rande ata a Illa de San Simón, o que xunto coa propia tradición da pesca e o marisqueo artesanal fan destas rutas unha experiencia única. Entre as diferentes propostas Casal destaca a “Ruta do xeito”, xa que se fai pola noite, a partir das 22.00 horas, ao rematar o día “e co sol poñéndose polas illas Cíes”. É apta para todas as idades e os asistentes poden ver e participar de todo o proceso. Desde que o patrón larga a rede ata que a saca e recolle a xouba e a sardiña. O prezo das actividades é de 8 euros por persoa no caso de “Marisqueo a pé” e “Ruta do porto”, con nenos ata 6 anos de balde; 15 euros a ruta “Marisqueo a flote” e 20 euros a “Ruta do xeito”, con nenos gratis ata os 3 anos. En todas as saídas as prazas son limitadas, con uso obrigatorio de máscara. Poden informarse e facer as súas reservas no teléfono 621 020 775 cunha chamada ou Whatsapp, ou no enderezo electrónico info@turismomarinero.org. Xa teñen varias saídas confirmadas para este mes con prazas dispoñibles mañá xoves de “Marisqueo a pé”, o venres día 21 coa Ruta do Xeito, e tamén o resto do mes.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará