A Concellería de Medio Ambiente co lema ” A nosa biodiversidade o seu legado” pon en marcha unha serie de rutas informativas e charlas divulgativas para poñer en valor a Enseada de San Simón. A importancia das algas no ecosistema mariño, a xeoloxía, as aves, ou a arribada de residuos serán algúns dos temas que se aborden. O primeiro “paseo educativo” será o sábado, 29 de agosto, e as actividades continuarán en setembro.
Decía Leonardo da Vinci “O amor a todas as cousas é froito do coñecemento que temos delas, e aumenta a medida que o noso coñecemento se torna máis preciso”. Esta é a premisa que segue a Concellería de Medio Ambiente coa celebración de varias andainas para coñecer a biodiversidade da Enseada de San Simón, espazo incluído na Rede Natura 2000, de especial protección ambiental. Debido ao debate público causado pola nova xestión das algas nas praias de Redondela “que pretende buscar un equilibrio entre o uso público e a conservación dos areais”, o departamento de Roberto Villar organiza unha serie de paseos polo litoral de Cesantes para divulgar a importancia das algas na zona intermareal. Serán as primeiras actividades divulgativas programadas, pero non as úinicas, xa que tamén se preparan outras sobre xeoloxía, aves, especies mariñas, plantas, arribada de residuos, etc. Estas visitas, realizadas pola empresa FAIA Educación Ambiental, están abertas ao público en xeral e son de balde. A saída realízase desde o peirao de Cesantes, en horario de 10.30 a 13.30 horas. A primeira será este sábado 29 de agosto, e haberá outras os días 5 e 19 de setembro. Debido á limitación de aforo por mor da Covid-19 é preciso inscribirse previamente. Poden facelo no enderezo electrónico turismo@redondela.gal, no teléfono 986 400 300 no departamento de Turismo, chamando de 11.00 a 14.00 horas, ou presencialmente na Oficina de Turismo, en horario de mañá de 11.00 a 14.00 horas ou polas tardes de 15.00 a 19.00 horas.