Hoxe é Luns 25 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Rogelio Carballo: “Os responsables de Educación non pensaron nunca na conciliación familiar”

RR_Noticias

O presidente FANPA, A Federación de Anpas de centros públicos de Pontevedra, advirte que “o tempo esgótase” para concretar o protocolo Anticovid nos colexios. A falta de 15 días para que os alumnos de Infantil e Primaria volvan ás aulas, non hai certeza no arranque do curso para as familias, con servizos como os comedores e aulas matinais cancelados por parte das Anpas. O Multiúsos da Xunqueira acolle esta tarde unha charla informativa dirixida ás directivas das Anpas e ás familias en xeral. Está dirixida ás directivas das ANPAS e tamén a todas as familias que desexen participar. Será ás 19.00 horas, con aforo limitado.

O obxectivo desta charla, explica Carballo, é informar ás familias de como lles afecta o protocolo establecido pola Consellería de Educación por mor da Covid-19. Poderán resolver dúbidas en canto a situacións que se poidan xerar polo contaxio dalgún alumnos, o peche de aulas e a posterior reincorporación á escola de xeito gradual, tal como etablece a normativa vixente. O inicio do curso está marcado pola “incerteza” para as familias, e tamén pola falta de servizos. En Redondela os comedores escolares, aulas matinais e outras actividades xestionadas polas Anpas non se van realizar este curso “mentres a Xunta non modifique os seus protocolos antocovid”. As familias temen os problemas de conciliación que podería carrexar esta medida e claman por medidas máis concretas para garantir unha docencia “segura e de calidade” en plena pandemia. Rogelio Carballo explica que as medidas e protocolos propostos pola Xunta “non garanten o distanciamento adecuado entre os usuarios dos comedores”. Por agora seguen sen noticias da Consellería de Educación, e a súa decisión de non reabrir os comedores mantense firme. Lamentan que desde as administracións, tanto estatal como autonómica, non se tivese en conta a conciliación das familias “nin durante o estado de Alarma nin agora”. O feito de que os rapaces estiveran meses na casa, desde o 13 de marzo “solventouse con reducións da xornada laboral dos pais, EREs ou ERTEs”. Advirte que se os alumnos non poden acudir ás clases presenciais con normalidade o próximo curso “moitos pais e nais arríscanse a perder o seu posto de traballo”. Denuncian a falta de previsión por parte dos responsables de ensino, e agardan desde as Anpas posibles cambios no protocolo “a tan só uns poucos días de que empece o curso”. Mañá xoves, día 27, celébrase unha Conferencia Sectorial de Educación na que participan responsables autonómicos e estatais e que, nesta ocasión, será conxunta con Sanidade. As Comunidades Autónomas reclaman un protocolo para a volta ás aulas unificado para todo o Estado, polo que a normativa galega, publicada no mes de xullo, podería sufrir cambios.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará