Os traballos inclúen a mellora da sinalización dende Chapela a Santo Estevo. Nalgunhas zonas prohibirase a cirulación de vehículos, agás residentes, para garantir a seguridade de sendeiristas e ciclistas, e instalaranse paneis informativos nos cruces. Estas medidas busca tamén “garantir a calidade de vida dos veciños da zona”.
O Concello de Redondela desenvolve nestes días a reordenación dos accesos á Senda de Auga dende a parroquia de Chapela ata Santo Estevo, de cara a garantir a seguridade das numerosas persoas que utilizan esta senda, moi frecuentada tamén por ciclistas. Ao longo do percorrido, que atravesa un espazo natural privilexiado, prohibirase a circulación de vehículos agás para os residentes. Tamén se instalarán paneis reflectores en todos os cruzamentos para advertir que se trata dunha zona utilizada por peóns e ciclistas. A reordenación do tráfico, segundo explica a alcaldesa Digna Rivas “é necesaria xa que se trata dun dos accesos para chegar ao denominado Mellor Banco do Mundo, en Cedeira”. A rexedora advirte que a afluencia de público ocasionaba problemas “non só a peóns e ciclistas na senda da auga, senón tamén á veciñanza que reside ao longo dese treito agora sinalizado”. Os traballos “eran unha vella demanda dos residente da zona”, sinala Rivas. Avanza que a esta primeira medida “iranse engadindo outras segundo vaian sendo precisas”, coa intención sobre todo de “garantir a calidade de vida das veciñas e veciños”. O Concello aclara que “non se trata de impedir o acceso ata a zona”, como explica a alcaldesa, senón de que se faga “dun xeito racional e o máis ordenado posible”. A sinalización establece ata que punto poden chegar os vehículos “sen supoñer un risco para peóns e ciclistas e para non interferir na vida diaria da veciñanza da zona”.