Este veciño de Rande, Cedeira, é o novo concelleiro do grupo de goberno do Concello de Redondela, logo de tomar onte posesión da súa acta no pleno celebrado no Multiúsos da Xunqueira. Sustitúe no grupo socialista a Leonardo Cabaleiro, que presentou a súa dimisión o pasado mes de xullo.
Álvarez, que xa fora concelleiro do grupo municipal socialista dende marzo de 2019 ata as pasadas eleccións, ocupando a vacante que deixaba Mauro Álvarez Castro. Agora, no grupo de goberno, asumirá as competencias de Persoal, Limpeza viaria e Parques e Xardíns. Veciño de Rande, é técnico especialista en automoción, sector no que desenvolve a súa vida laboral. A alcaldesa, Digna Rivas, ao igual que o resto de compañeiros, defíneo como unha persoa “traballadora, responsable e comprometida coa labor de mellorar a calidade de vida dos seus veciños”.
Sesión bronca malia a aprobación por unanimidade de todos os expedientes
A sesión plenaria celebrada onte comezou cun minuto de silencio en homenaxe ás vitimas da Covid-19 e da violencia de xénero. Todos os expedientes que o equipo de goberno levaba na orde do día para a súa votación foron aprobados por unanimidade. Con todo, iso non evitou a bronca e o cruzamento de acusacións entre o goberno local e o PP. Entre outras cuestións sairon adiante as subvencións para diferentes clubes deportivos e asociacións como Damán, Andaina, Cáritas, Lenda ou Afaga. Todos os partidos políticos estiveron de acordo en recoñecer “a gran labor destes colectivos”, se ben o BNG lamentou que “a falta de orzamento para este 2020 obrigue a levar estas subvecións ao pleno”. O voceiro Xoán Carlos González demandou tamén do goberno local “un regulamento” para tramitar estas axudas con transparencia, ao que a concelleira de AER sinalou que “xa hai un borrador no que se está traballando”. Os populares acusáronos de “chegar tarde” coas axudas, crítica que rexeitou a voceira socialista María Castro, comprometéndose a que as asociacións cobren “canto antes”, ao tempo que lamentou que o Concello tivese que asumir competencias da Xunta de Galicia “no difícil contexto da pandemia”. Tamén se aprobou por unanimidade o Plan Económico Financeiro elaborado polos técnicos municipais. Castro explico que, como o Concello “non cumpriu coa regra de gasto que establece a Lei de Estabilidade Orzamentaria” foi necesario elaborar este plan. Os técnicos municipais sinalan que “non hai un problema estructural”, xa que o Concello conta cun superávit de 3 millóns de euros. Recoñece que se gastaron no ano 2019 uns 450.000 euros máis que en 2018, polo que o Concello debe comprometerse a correxir o desaxuste e limitar o gasto nos anos 2020 e 2021. Os socios de goberno, PSOE e AER, culparon do desfase no gasto ao anterior goberno do PP, que gobernou ata xuño de 2019. O bipartito acusounos de facer electoralismo cos cartos Concello e de ter gastado nos primeiros seis meses do ano “sobre un 80% do total das partidas anuais”. A voceira popular, Carmen Amoedo, rexeitou as críticas e acusou ao bipartito de ser “responsable” dunhas contas “que non cadran”.