A Deputación de Pontevedra inicia as obras de conservación na cuberta e fachada do Castelo cun investimentos de 90.000 euros. Teñen un pazo de execución de tres meses e solucionarán problemas de filtracións de auga. As obras foron especificamente deseñadas para non interferir nas visitas guiadas ao Castelo que entre xuño e agosto sumaron máis de 9.000 persoas.
As obras desenvolveranse na cuberta inclinada e nas cubertas planas transitables do castelo (en concreto as que se sitúan por riba da Galería das Damas e as latrinas), así como no muro da fachada suroeste e nas ameas e petos perimetrais, destinadas a solucionar os problemas existentes pola presenza de humidades e entrada de auga, evitando así a futura aparición doutras patoloxías. No caso da cuberta inclinada, as actuacións inclúen a execución de novos caleiros de zinc, a reparación das gárgolas, a recolocación de tellas e o cambio das fiestras tipo “velux”, así como a substitución do lucernario de policarbonato por un de vidro, incluíndo nova carpintería de suxeición e soporte. Nas cubertas transitables, acometerase a limpeza e o toma de xuntas nas lousas do chan e a execución dunha nova quenlla, entre outros traballos. No muro, realizaranse traballos de limpeza e tratamento puntual de xuntas, e darase solución ás filtracións ao interior das salas que dan á fachada suroeste.
En todo o proxecto, a Deputación actúa baixo a premisa da mínima intervención, o uso das técnicas e materiais compatibles e non agresivas que pretenden a mellora das prestacións do edificio. Deste xeito, os traballos executaranse respectando en todo o momento as características esenciais e aspectos construtivos da reforma do castelo realizada no ano 1986, nunha intervención caracterizada polo uso de técnicas e materiais tradicionais, con respecto en todo momento ás características esenciais deste BIC.